Buscar este blog

lunes, 6 de agosto de 2018

Despedida da Avoa Sara

Despedida da Avoa Sara


O día 4 de agosto do 2018, finou a miña avoa á idade de 93 anos, despois de que a enfermidade e o tempo, fosen destruindo lentamente a súa memoria facéndolle esquecer pouco a pouco quen era.

Aínda que eu a chamaba "madriña" -porque foi ela quen me levou a bautizar como era costume naqueles tempos- tiña outros nomes para os que a coñecían dependendo de onde foran. Así, en Soñeiro a súa terra natal, coñecíana pola Xastra, e en Cambre, o pobo onde pasou a súa vida, por Sara.

O seu nome completo era Rosario Saavedra Fariña e foi unha muller que durante toda a súa vida tivo que traballar do que puido para poder sobrevivir, non pudendo ir á escola porque non había para todos na súa casa. Coidaba as vacas, traballaba no campo e durante moitos anos traballou facendo portas en Makuka, S.A., na parroquia de Cela en Cambre, onde con esforzo e traballo, conseguiu facer a súa propia casa.

Era coñecida polo seu carácter forte e xusto, aínda que brando por dentro. Ás veces podía ter pouco tacto dada a súa forza, pero sempre desde un fondo nobre e cheo de bondade.

Unha vez que quedou viuda do amor da súa vida, Xosé Longueira Taboada -"o moreno" como ela lle chamaba- pasou os seus últimos anos aproveitando a vida que lle quedaba de mil maneiras: viaxando, lendo libros, indo á escola, cantando no coro, facendo excursións e por último escribindo os seus poemas que lle transcribín a este blog e que mais tarde converteuse nun libro. En definitiva, vivindo a vida como quixo dentro das súas posibilidades e con unha ansía que foi un exemplo para moitos.

A maneira de lembranza á súa persoa, deixo estas palabras de homenaxe xunto con unha vella foto dela e do seu home, que pertence a un tempo lonxano e que só existe na memoria daqueles que o viviron e que os levarán sempre no seu corazón.

Descansa en paz.
O teu neto,
Santi.


P.D.: "¿Qué consello lle daría á xente?"
        "Ter un espíritu xoven. ¡Non querer ser vello!"