Buscar este blog

domingo, 30 de septiembre de 2007

Pensamentos

Ante todo boas tardes,
esta é a miña presentación,
chámome Rosario Saavedra
filla de María e Antón.

Somos un fato de donas
socias da terceira idade,
e ainda que somos vellas
gústanos non olvidar.

Imos á escola,
ós traballos manuais,
ó canto e a ximnasia
e todos estes traballos
sempre os facemos
con falta de cartos.
Gracias ó noso alcalde
que de cando en vez
bótanos un cable.

Nunca ninguén da Xunta
nos veu visitar,
e penso eu, "¿a qué virán?"
A nos traer ou nos quitar
o pouco que nos dan.

Temos tres horas
de escola á semana,
e ainda que algo se aprende
non nos chega para nada.

Ainda que mais vale eso
que unha pedrada,
mais de todas maneiras
moitas gracias.

Non quero que pensen
que esto mo mandou facer alguén,
eche cousa miña
e sábeno as que aquí están
pois se en algo vos faltei,
así o penso e así o recitei.

domingo, 23 de septiembre de 2007

Retranca dun galego

Sonche parco de molleira
e teño un retorto
que quixera endereitar.

Ós pobres hínchalles a barriga coa fame.
Ós ricos de tanto comer.
Os pobres nadan na pobreza.
Os ricos na riqueza.

E este é o retorto
que eu non podo entender.
Ó que mo queira amosar
eu estou aquí para aprender.

sábado, 22 de septiembre de 2007

Noticias: Actuación da Coral de Sta. María de Cambre

Tamén o mesmo día na que lía a Avoa Sara os seus poemas na Fundación Wenceslao Fernández Flórez, actuaba a Coral de Sta. María de Cambre, da cal tamén é membro.

Unha mención especial merecen tanto a directora da Coral, María Luisa Armesto e un dos seus integrantes Manuel Doval, xa que se ofreceron a leer varios dos poemas da poetisa local á cal coñecen desde hai varios anos.

Eiquí vos deixo algunhas fotos da Coral en plena actuación:



Ademais dous videos da Coral interpretando "Camino del indio" e "Quiéreme, si, si":


Noticias: A avoa Sara preséntase na Fundación Wenceslao Fernández Flórez

A Avoa Sara fixo a súa primera aparición pública na Fundación Wenceslao Fernández Flórez á cal foi invitada polo seu actual director Antonio Montero para leer unha parte dos seús poemas e contos.

Tanto a Avoa Sara, como a súa filla, o seu neto e como o resto da súa familia que estivo alí presente, agradécelle á Fundación Wenceslao Fernández Flórez e ó seu actual director Antonio Montero e tamén a Alicia Longueira directora do grupo de teatro Fas-que-Fas, a amabilidade e a oportunidade de poder presentar neste emblemático edificio os seus poemas.

A continuación deíxovos un link á páxina da Fundación Wenceslao Fernández Flórez e debaixo unhas poucas fotografías do evento:

1.- Presentación da Avoa Sara polo director da Fundación, na cal tamén estuvo presente a nova concelleira de cultura do Concello de Cambre, Arita Prado:


A Avoa Sara recitando o seu poema "A miña Virxe María":


2.- Lectura de poemas por parte de Alicia Longueira, directora do grupo de teatro Fas-que-Fas:


Alicia recitando o poema "Teño unha casa no campo":


3.- Público asistente ó acto:


4.- Entrega dun libro á Avoa Sara, obsequio de Antonio Montero:


5.- Foto da portada do libro:

domingo, 16 de septiembre de 2007

A casa onde nacín


A casa onde nacín era unha casa vella de pedra e tiña unha horta grande. Tiña arredor ciroleiras e ameixeiras, e no tempo da fame, todos os veciños ibamos comer a elas, pois era aquel rueiro de nove veciños e todos tiñan familia numerosa. Na miña casa eramos nove e na que mais tiñan eran doce.
Miña nai decíalle ó meu pai:
-¡Non sei como imos facer para mais fillos non ter!
Traballábamos grandes e pequenos, descalzos e mal vestidos e no inverno pasábamos moito frio. Pero con todo eso teño recordos fermosos.
Poñíamos unha tina na horta, enchíamola de auga e metíamonos todas. Salías de alí tremando pero lavada.
O xantar comíamolo na eira sentadas nas herbas, e de noite, para ir para a cama, abrías a ventá e vías coa luz da lua.
Pola mañá poñíanse unhas ringleiras de cuncas de papas e unha canada de leite e todas íamos fartas. Entón miña nai dispoñía o traballo. Unha facía o caldo, outra apastaba o gando, outra limpaba a casa e as outras ían á escola.
Eu á escola fun poucas veces pero aproveiteinas ben. Aprendín a leer, sumar, restar e a tabla de multiplicar. Tiñámola que cantar e para min era coma unha festa.
Así fomos medrando e así pasaron os anos e cando casei, daquela casa marchei. Xa fai moitos anos de eso pero nunca a olvidei.
Aquela casa vella de pedra rodeada de ameixeiras onde nacín e medrei e onde me namorei, e nela tamén casei.

jueves, 13 de septiembre de 2007

Noticias: A avoa Sara na Fundación Wenceslao Fernández Flórez

Lectura de varios poemas da Avoa Sara na Fundación Wenceslao Fernández Flórez o día 15 de setembro a eso das sete da tarde e actuación posterior da Coral de Santa María de Cambre da que a Avoa Sara tamén é membro.

Eiquí vos deixo a noticia completa publicada na páxina da Fundación, da cal tedes un link nesta mesma páxina:


TARDES DE LECER NA FUNDACIÓN WENCESLAO FERNÁNDEZ FLÓREZ

fachada 3.jpg

O vindeiro sábado, día 15 de setembro, Rosario Saavedra, máis coñecida no universo cibernético como A Avoa Sara, visitará a FWFF para dar a coñecer algúns dos seus poemas de recente creación. Neste recital tamén participará o grupo de teatro Fas-que-fas dando lectura a algunhas das rimas da poetisa de Cela, Cambre.

Rosario Saavedra naceu en Soñeiro hai… 80 e tantos anos, como ela mesma di. Comezou a escribir sendo aínda moi nova, creando textos “con chispa” e Testamentos para o Antroido, combinados con música. Na actualidade ocupa o seu tempo libre na Coral de Santa María de Cambre, segue a escribir e practica todo tipo de diversións que o tempo lle permite. O seu blog, feito coa colaboración do seu neto, tivo grande éxito, sendo obxecto dun programa da TVG, “Realidades”, onde se facía unha comparación entre as diferentes espectativas que moitas persoas maiores teñen para invertir o seu tempo.

Para acompañala neste día, estará tamén con nós a Coral de Santa María de Cambre, que xa visitou a FWFF en anteriores ocasións interpretando variadas pezas do seu repertorio con grande éxito de público.

Este evento terá lugar o sábado, día 15, por volta das sete do serán en Villa Florentina. A entrada, coma sempre, será gratuíta.

domingo, 9 de septiembre de 2007

A muller e a rosa

Cando nace unha muller
é coma cando nace unha rosa,
delicada e perfumada
non hai cousa mais fermosa.

A rosa vaise marchitando,
a nosa pel arrugando,
o pelo blanqueando
e a cabeza fallando.

E co paso do tempo
a muller vaise acabando
e a rosa secando.

É certo que nacen outras
pero das que se foron
só queda o recordo.

A rosa, nace outra parecida
pero as que secaron
tamén quedaron sen vida.

O paxaro que voa

Cando penso que voaches
deixando o niño valeiro,
e voaches para outro
que outro paxaro deixou,
ainda que te boto de menos
non penses que vou chorar,
teño unhos ollos fermosos
e non os quero estropear.

Estou de vacacións,
facíanme voa falta
e estounas disfrutando
aquí moi contenta.

Ainda que che pareza mentira
entro e saio cando quero,
non teño que decir
a onde vou nin cando veño.

Se pensas voltar non tardes moito
por si o niño está ocupado
porque ó meu caron
andan moitos páxaros voando.

E se deixo a porta aberta
ó mellor entran para dentro
e se o páxaro me gusta,
ó mellor deitoo conmigo
e voltaremos facer o niño.

Así que xa sabes
o que tes que facer,
ou volves ó teu niño
ou quedas aí para sempre.

Unha escapada faina calquera
pero ó outro día voa para a casa,
porque o noso niño foi feito
con moito amor e cariño,
e non co vicio,
que é o que tés
no corpo metido.