Buscar este blog

domingo, 16 de septiembre de 2007

A casa onde nacín


A casa onde nacín era unha casa vella de pedra e tiña unha horta grande. Tiña arredor ciroleiras e ameixeiras, e no tempo da fame, todos os veciños ibamos comer a elas, pois era aquel rueiro de nove veciños e todos tiñan familia numerosa. Na miña casa eramos nove e na que mais tiñan eran doce.
Miña nai decíalle ó meu pai:
-¡Non sei como imos facer para mais fillos non ter!
Traballábamos grandes e pequenos, descalzos e mal vestidos e no inverno pasábamos moito frio. Pero con todo eso teño recordos fermosos.
Poñíamos unha tina na horta, enchíamola de auga e metíamonos todas. Salías de alí tremando pero lavada.
O xantar comíamolo na eira sentadas nas herbas, e de noite, para ir para a cama, abrías a ventá e vías coa luz da lua.
Pola mañá poñíanse unhas ringleiras de cuncas de papas e unha canada de leite e todas íamos fartas. Entón miña nai dispoñía o traballo. Unha facía o caldo, outra apastaba o gando, outra limpaba a casa e as outras ían á escola.
Eu á escola fun poucas veces pero aproveiteinas ben. Aprendín a leer, sumar, restar e a tabla de multiplicar. Tiñámola que cantar e para min era coma unha festa.
Así fomos medrando e así pasaron os anos e cando casei, daquela casa marchei. Xa fai moitos anos de eso pero nunca a olvidei.
Aquela casa vella de pedra rodeada de ameixeiras onde nacín e medrei e onde me namorei, e nela tamén casei.

No hay comentarios: